Saturday 04 de May de 2024

O Teatro Rosalía Castro acolle mañá a representación de ‘Vitalicios’


A Concellaría de Cultura informa de que o Teatro Rosalía Castro acolle mañá, mércores 26 de novembro, ás 20.30 horas, a representación de Vitalicios, unha das últimas obras de José Sanchis Sinisterra e dirixida por Yayo Cáceres.
O prezo das entradas oscila entre os 6,50 e os 14 euros, con descontos do 20% para titulares do carné novo, para os maiores de 65 anos e para as persoas desempregadas. As entradas pódense adquirir hoxe e mañá no despacho da praza de Ourense -de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas-, no centro sociocultural da Fundación Novacaixagalicia -de 09.00 a 21.00 horas- e no teléfono 902 504 500. Tamén poden comprar mañá, o mesmo día da función, no Teatro Rosalía Castro, de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas.
Tres apurados funcionarios cumpren rutineiramente unha enigmática tarefa: a de asignar, aos nomes que figuran en certa longa lista de personalidades artísticas, un destino: SI/NON/INTERROGANTE. A asignación dun dos tres destinos a cada creador da lista depende, en principio, dunha ambigua combinatoria aritmética rexida polo azar. Pero os funcionarios son tamén seres humanos, e ás veces, a súa subxectividade pugna por influír na mecánica tarefa. Vitalicios é un texto de Sanchis Sinisterra que ofrece contradicións, humor e sobre todo unha arrepiante actualidade. Con Candela Fernández, Ricardo Reguera e Cecilia Solaguren, e baixo a dirección de Yayo Cáceres, Vitalicios é unha produción de Escénate.